|
O ano 2008 marcará un punto de inflexión dentro do sector enerxético galego coa adxudicación de case 2.500MW de produción cos que se acadarían os 6.500MW previstos no Plan enerxético de Galicia 2007-2012 (PEG). Un dos horizontes é axudar no cumprimento do obxectivo marcado polo Consello Europeo (2008) de que o consumo enerxético da Unión Europea sexa dun 20% extraído das renovábeis, feito polo de agora pouco probábel pola escasa rendibilidade económica, a escasa investigación na tecnoloxía e as ‘indefinicións’ administrativas.
A radioloxía da enerxía, tanto a nivel europeo como a nivel galego, demostra a dependencia das enerxías non renovábeis, sobre todo cru de petróleo e derivados. O ritmo de crecemento anual será dun 0,25% anual entre 2005-2030 (segundo os datos da UE), e seguirá sendo a enerxía preponderante cun uso do 35% do total. O esgotamento dos recursos petrolíferos europeos derivarán nunha maior dependencia das importacións. Na última década, a dependencia de enerxías primarias é dun 75% no Estado español, que en 2005 chegou ao 85%. Segundo os datos da Comisión Europea (2008) a dependencia das importacións de combustíbeis sólidos, petróleo e gas natural acadou o 68,63%, que se incrementará co tempo pola caída na extracción europea de petróleo e carbón. Porén agárdase un aumento na produción enerxética derivada da biomasa, eólica, hidráulica e xeotérmica cun ritmo do 2,67% anual entre 2005-2030. O sector enerxético galego ten unha base non renovábel, contaminante e claramente dependente do exterior: entre un 90% e 95% da enerxía primaria importada corresponde ao cru de petróleo, produtos petrolíferos e o carbón, que acaban supoñendo un 70% da enerxía transformada. En termos globais, un 85% da enerxía transformada en Galiza é non renovábel. A dependencia enerxética de Galiza aumentará co uso e expansión do gas natural que suplirá a caída do carbón (esgotamento nas centrais de Meirama e das Pontes de García Rodríguez), co que iso supón en termos económicos e de soberanía. O PEG proxecta a construción de varias plantas de produción de bioetanol a partir de cereais e de biodiesel para a súa posterior distribución e comercialización. Aínda hoxe en día non está clara a rendibilidade enerxética das plantas de descartarmos calquera tipo de subvención do produto final. Estes proxectos levan consigo unha alteración nos cultivos agrícolas tradicionais destinados á alimentación. Respecto da enerxía hidráulica, os encoros construídos entre 1952 a 1962 aumentaron nun 600% a produción enerxética que foi levada fóra da nosa nación para, en boa parte, auspiciar o despegue industrial do Estado español, mentres Galiza continuaba no subdesenvolvemento estrutural a que foi condenada polas políticas dese mesmo Estado. Arestora temos en territorio galego 36 centrais de grande hidráulica (potencia superior a 10MW) que xeran case 3.000MW, e 100 minicentrais (potencia inferior aos 10MW) que producen case 1.000MW. Os prognósticos só deparan a construción de minicentrais. A aprobación dun canon que gravase ás grandes hidráulicas foi un paso adiante, contando coa oposición de Unión Fenosa ou Iberdrola (principais eléctricas neste sector), mais foi pouco ambicioso e non inclúe as pequenas hidráulicas. Dende a FPG tamén cremos oportuno abrir o debate sobre a xestión e control da conca hidráulica do Miño-Sil e as competencias que lle corresponderían á Xunta de Galiza. A enerxía eólica tivo o seu ano, o 2008. A adxudicación de 2.350MW contra final de ano supuxo o maior reparto eólico nunca feito en Galiza, en base a un Decreto que a FPG denunciou durante o mesmo ano tanto na filosofía da súa elaboración como na redacción do seu contido. Baixo unha campaña, “Produción enerxética, lucro colonial”, quixemos denunciar o uso colonial da enerxía eólica, sinalar en que aspectos se seguiu a política do PP (por exemplo, estamos ante o mesmo Plan Sectorial) e a falta dunha aposta pola xestión pública coa participación dun ente público en cada proxecto do 51% (unha experiencia exitosa en Euskal Herria con Eólicas de Euskadi, e estamos ante un goberno de dereitas do PNV). Polas mesmas seguimos denunciando as falacias comprendidas nos 3.000 postos de traballo que xerará (pois practicamente todos serían de carácter temporal), a falta dun regulamento que evite a especulación e o mercado dos parques eólicos e o nulo seguimento aos plans industriais aprobados na era Fraga así como a falta de transparencia nos datos económicos e na contratación da empresa ELA Ingeniería (a FPG presentou por rexistro xeral unha solicitude de consulta sen termos aínda resposta). Galiza é un territorio proclive á produción eólica, cun aproveitamento por riba das 2.500 horas/ano, por mor das boas condicións orográficas e climáticas xunto a un desenvolvemento tecnolóxico que incrementou a eficiencia dos aeroxeradores. Aínda así, a Xunta de Galiza non apostou como primeiro paso pola repotenciación dos parques actuais, que poderían xerar máis enerxía (os actuais son de 2-3MW). Con estes datos, cómpre que a administración pública saiba actuar fronte aos intereses e tirapuxas do empresariado. A produción de enerxía a partir da biomasa é outra das fontes tradicionalmente usadas en Galiza e segue a ter visos de expansión. Pola contra, esta fonte de enerxía non debe entrar a competir coa alimentación nin co mantemento da biodiversidade, polo cal estaría supeditada a unha axeitada política agraria e forestal. A enerxía fotovoltaica está por despegar, pois segundo o PEG, o incremento da súa produción chegaría aos 25MWp en 2012, cando en 2006 estabamos en 2MWp). Conclusións e propostas da FPG en materia enerxéticaO sistema enerxético galego mantén unha dependencia nas importacións de cru de petróleo e de carbón, tal como sinalamos anteriormente. Por outra banda, a produción enerxética galega debe reconfigurar a súa estratexia que hoxe segue sendo a de fornecer a economía española, cunha exportación do 35,7% e un consumo interno do 64,3%. Galiza achega ao Estado español en xeración eléctrica un 9,9% do total (2006), dos cales son un 24% das renovábeis e un 18% do carbón. A demanda interna de Galiza cóbrese cun escaso 24,6% de fontes renovábeis máis un 75,4% de non renovábeis. Esta último dato é alarmante na medida en que co paso do tempo aumentará a dependencia de Galiza das importacións e, sumando todas as fontes de enerxía renovábel de Galiza, non damos cuberto o 80% de electricidade exportada. Eis a dependencia enerxética de Galiza, eis a gran falacia da Xunta de Galiza. A maior produción eólica só poderá suplir unha parte da caída da produción térmica. A inicios dos anos 90 se pensaba que Galiza podería aspirar ao seu total autoabastecemento de consumo eléctrico tendo como base as non renovábeis. Tal feito é unha enorme irresponsabilidade política como asegurar hoxe en día que Galiza é unha ‘potencia enerxética’. Galiza segue a ser dependente. Outra cousa é a produción eólica mais mentres a porcentaxe de enerxía producida siga sendo evacuada alén do territorio galego poderemos chegar a paradoxos de importación. A FPG defende un reenfoque da produción enerxética seguindo tres eixos: unha política de aforro enerxético; a aposta pola substitución das non renovábeis polas renovábeis; e máis unha nova política enerxética dirixida a solucionar a nosa dependencia enerxética. Para atallar isto cómpre partir do actual modelo enerxético que responde na produción segundo aumente a demanda sen favorecer políticas de redución de consumos ineficientes. Seguimos a ter problemas de carácter ambiental derivados da extracción, transporte, transformación e uso. A Frente Popular Galega propón, tendo sempre como obxectivo final a socialización dos recursos enerxéticos e a nacionalización da súa extracción, produción e distribución: 1. Modificación da política enerxética centrándose en políticas de redución de consumo, substitución progresiva das fontes non renovábeis polas renovábeis e un control estrito da Xunta de Galiza sobre as reservas enerxéticas. Incentivar o uso de enerxía renovábel en fogares e empresas.2. Elaboración dun novo Plan Sectorial Eólico, garantindo a transparencia e a participación popular no seu deseño, que asente as bases da futura produción enerxética en territorio galego e un Plan de Electrificación que garanta a demanda enerxética interna, o transporte a todas as zonas (con especial atención ao rural) e unha importante mellora na rede. Revisión do Plan Enerxético de Galiza (que se realizará en 2010) para enfocalo cara a soberanía enerxética.3. Promover unha discriminación positiva naquelas zonas afectadas pola instalación de empresas enerxéticas así como defender unha tarifa eléctrica especial para Galiza poñendo fin á tarifa única, polas evidentes consecuencias ambientais e paisaxísticas derivadas da produción eléctrica.4. Creación de comisións de seguimento e avaliación dos plans industriais aprobados na era Fraga nos concursos eólicos así como os acabados de aprobar no último concurso eólico en 2008.5. Modificación das funcións do INEGA, asegurando a participación da entidade pública nun 51% en todo proxecto enerxético en territorio galego, democratización dos seus cargos que pasarían a ter un control parlamentar e creación do Consello Social.6. Revisión dos proxectos hidráulicos aprobados até hoxe cun seguimento exhaustivo por parte do goberno dos preitos abertos contra diferentes cargos da administración Fraga, presentándose como acusación particular.7. Estabelecemento dun canon de carácter progresivo ás empresas con índices contaminantes, promovendo as súas correccións e melloras.8. Anulación da concesión mineira de ERIMSA na Terra Cha que afecta a chan rústico de protección agropecuaria.9. Plan de sustentabilidade social e económica coa creación dunha plataforma agrícola e industrial no caso da produción de bioetanol e biodiésel a partir dun aproveitamento das terras expropiadas no caso de estaren a monte.10. Camiñar cara a soberanía enerxética do pobo galego en convivencia co resto dos pobos do mundo. |