|
Os 16 anos de goberno da dereita no noso país deixaron un panorama estarrecedor na cultura e no sistema educativo galegos, situación que se propiciaba dende unhas liñas de actuación encamiñadas a manter a cultura afastada da sociedade, arrombándoa paseniño cara ao curruncho megalómano do Gaiás e no eido educativo apoiando con decisión o ensino privado.
Malia a mudanza de goberno do 2005, a pesar de certas medidas aplicadas, -creación da rede de galescolas, aposta pola visualización da cultura galega no mundo e pola dinamización cultural afastada de folclorismos-, en xeral os catro anos de goberno bipartito tan só lles deron un verniz ás liñas marcadas polo goberno do PP, un chisco de patente para que pensasemos que se trataba dun barco novo. Pero non. É o mesmo barco, é o mesmo patrón, e a rota segue a levalo ás pedras. Non se pode entender doutro xeito levar investido nestes 4 anos máis de 200 000 000€ de euros nunha delirante Cidade da Cultura que ninguén ten claro aínda para que vai servir ou ter orzamentados para este 2009 máis de 250 000 000€ de euros para subvencionar os colexios privados concertados, diñeiro que representa no fondo unha financiación encuberta da igrexa católica, propietaria de moitos destes centros. E acarón do despropósito de ollarmos máis de mil millóns de euros do investimento público destes 4 anos xestionados baixo intereses bancarios, Cidade da Cultura, ou relixiosos, centros de ensino concertados, temos partidas orzamentais destinadas a apoiar a RAE ou a UNED, institucións que non se caracterizan, xa non por representar, senón por respectar a cultura galega. Non abonda con decisións electoralistas de retirar as subvencións aos colexios ultra-católicos que segregan a mocidade por razón de sexo a 2 meses vista das votacións. O debate político sobre a nosa cultura debe ir alén das contas dunha viaxe ao estranxeiro. Cómpre endereitarmos o rumbo. Por iso dende a FPG cremos que hai que seguir a loitar por un ensino nacional, público e laico, por unha cultura vizosa, galega e conectada co mundo, que non quede encerrada nun mausoleo para abraiar os visitantes e espertar saudade nos galegos. Fronte ao modelo mundializador de sociedades, -no primeiro mundo-, que comen o mesmo, visten igual e ven os mesmos filmes non son dabondo as maquillaxes socialdemócratas, hai que ser afoutos e trazar políticas que modifiquen non só a forma senón o fondo e lle devolvan ao pobo o seu papel de produtor, e non mero consumidor, de cultura e que rematen coa influencia da igrexa católica na educación das nenas e nenos do país. Estas son algunhas medidas mínimas para acadar eses obxectivos: 1. Paralización do proxecto da cidade da Cultura e disolución da Fundación xestora. Anulación dos orzamentos dedicados a este proxecto e apertura dun proceso de estudo e análise dos posibles usos das edifacións xa realizadas.2. Potenciación da investigación científica, con políticas reais e orzamentadas con rigor que rematen coa emigración de profesionais altamente capacitados.3. Apoio decisivo á proxección exterior da cultura galega, dirixida nomeadamente cara aos países de lingua portuguesa e a aqueles outros que por motivos históricos e culturais teñen relación de séculos co noso.4. Elaboración dun currículo nacional galego, para o ensino obrigatorio (primaria e secundaria) e para o bacharelato.5. Gratuidade esclusiva dos libros de texto para a rede pública.6. Cese de todo tipo de financiación, tanto directa como indirecta aos centros privados e progresiva eliminación destes, a comezar por aquelas zonas onde a estrutura do ensino público poida recibir o alumnado destes centros. 7. Creación da Universidade Aberta de Galiza, mediante a absorción da UNED, de carácter público, cun currículo adaptado ás necesidades do noso pobo e que potencie de xeito significativo as novas tecnoloxías para que calquera galega ou galego, dentro ou fóra do país, en calquera situación, poda acceder ao ensino superior a distancia. |