|
Lois Soto foi o artífice principal da confluencia entre marxismo e nacionalismo. A súa campaña man a man con Castelao polos EEUU e Cuba en 1938 representa a imaxe mesma desa converxencia histórica que se consumará definitivamente a primeiros dos anos sesenta do XX coa fundación daquela lonxana UPG que a FPG continúa lexitimamente hoxe. E só ela.
Escribía Lois Soto en Vieiros, que é a revista de pensamento crítico na que se apoia a converxencia entre marxismo e nacionalismo: A DOENZA DAS DÚBIDAS. Procuremos non resultar contaxiados e cairmos postrados pola doenza das dúbidas. Todas as galegas e os galegos de sentimentos patrióticos e de esquerda e de ideas marxistas se sentiron felices e confortados polos resultados electorais que mandaron a Fraga Iribarne aos ludres da Historia, onda Calígula. Todas as galegas e os galegos leais sentíronse felices porque unha coalición progresista ocupase o (escasísimo) poder autonómico. Algúns destes últimos foron mirando, día a día, como o goberno da coalición fallaba e perdía oportunidades de actuación, entregándose a prácticas indesexábeis desde un punto de vista nacional e de esquerda. Nos peitos dalgúns galegos e galegas prenderon, primeiro, os xermes da decepción. Logo estes multiplicáronse e desencadearon "a doenza das dúbidas". De seguida, un sentimento de amarga impotencia foi medrando e algunhas persoas pensaron na abstención electoral. Mesmo a algúns lles puido vir á cabeza a idea suicida de votar con papeletas nulas. O nihilismo é un cancro. O abstencionismo constitúe hoxe unha entrega a España e ao capitalismo. Se a idea de abstencionismo prender en individualidades de esquerda e nacionalistas só os sectores políticos reaccionarios resultarían beneficiados. Se o abstencionismo e a decisión de voto nulo cundise nos movementos sociais que hoxe representan a parte organizada máis lúcida de Galicia, o resultado das próximas eleccións sería desastroso. Polo tanto, nós, os candidatos da FPG, pedímoslles a todas e a todos que non deixen de votar. Que non deixen de votar. Xosé Luís Méndez Ferrín (21/02/2009)
|