|
Páxina 9 de 17 8.- Reforma administrativa inmediata Este goberno da Xunta está obrigado a non adiar máis a reforma administrativa imprescindíbel no país e que, en esquema, consiste na desaparición das catro provincias coas súas deputacións e a súa substitución por un poder local comarcal. A unidade básica da administración seguirá a ser o Concello, pero este debe ser reformulado á maneira portuguesa, co recoñecemento da freguesía e coa posta en vigor das correspondentes Xuntas de freguesía, así no mundo rural como no urbano. Na medida en que se produza unha fusión de concellos, que parece aconsellábel, máis relevancia collerá a parroquia como unidade de asentamento poboacional. As actuais Fundacións Comarcais deberán deixar o seu carácter semiprivado para converterse xa en órganos da administración e, coa lei local vixente na man, as Xuntas de freguesía poden, sen obstáculo legal ningún, ser efectivizadas de xeito inmediato. Sabemos que toda a tradición do nacionalismo galego avala esta esixencia da FPG. Asemade, o Goberno galego deberá promover no Parlamento a reforma da lei electoral, facéndoa máis democrática e igualitaria. Entre outras medidas, deberase reducir a porcentaxe de votos necesaria para que unha forza política acceda ó Parlamento: actualmente a barreira está no 5%, e deberíase volver ao 3%. |