|
 Hai 36 anos, nun dez de marzo, as feridas de bala poducidas polas forzas de ocupación españolas nos corpos de varios fillos do proletariado de Galiza asasinaban a Amador Rei e Daniel Niebla, obreiros galegos. Comezaba aquí unha xeira de resistencia antifascista, antiimperialista e patriótica que perdura até o día de hoxe. Na lembranza destes dous compañeiros caídos constituímonos en pobo traballador galego consciente de si mesmo.
O berro de Ferrol, Vigo, e de toda Galiza, un berro unitario e ceibe, removeu ás forzas opresoras e ás súas múltiples gadoupas. A clase obreira galega organizada e consciente de si mesma preocupou daquela, e segue a preocupar agora a quen explota e aldraxa o noso País. É por iso que o poder segue a nos querer vender a moto, repetíndose mil veces coma aquel ministro nazi, de que a loita de clases xa é anacrónica, nin existe, nin ten sentido. Pero dende aquel 1972, e incluso dende antes, a nós, limpos de conciencia e ceibes de pensamento, non nos enganan con peroratas e mentiras. Non nos enganan porque ese “anacronismo” da loita de clases sentímolo a diario, desempregad@s, precari@s, mocidade estudante e asalariada, mulleres obreiras, migrantes que saen e entran, anciás que viven case na indixencia tras toda unha vida de duro traballo, minorías raciais,… é dicir, as multitudes, o proletariado, as clases populares. Por iso xuramos seguir dando guerra. Para o noso Partido esta data indícanos o camiño a seguir na loita pola nosa emancipación como clase e como nación: organización, formación e acumulación de forzas no camiño da revolución nacional popular. Aquí, hai 20 anos e tamén nun dez de marzo, presentábase perante o pobo galego a que será até hoxe a máis importante e lonxeva entidade organizativa da esquerda independentista galega, e que constitúe agora mesmo a organización política nacional do independentismo revolucionario de clase: a Frente Popular Galega. Non nacía da nada, tiña raíces ben profundas nas primeiras expresións do independentismo contemporáneo: a UPG histórica, o PGP, Galicia Ceibe (OLN) e o PCLN. Agora, todas e todos os que facemos parte da FPG e do seu círculo simpatizante temos a obriga de ollar cara atrás, analisar estes 20 anos de combate incesante, correxir os erros e mellorar os acertos, e tirar cara adiante con afouteza e intelixencia para seguir garantindo a dirección obreira e a compoñente de clase na dura loita pola liberdade da nosa nación: a loita por unha Galiza independente nun planeta comunista, sen oprimidas/os nin opresoras/es. Viva Galiza ceibe e socialista! Adiante a FPG! |