Inicio
Menú Principal
Inicio
Sobre a FPG
Documentos
Nacional
Internacional
Colaboracións
Descargas
Multimedia
Ligazóns
Contacto
Procurar
Lista de correo

Recibe as novidades da web da FPG no teu enderezo de correo electrónico






escudo_gz.jpg
Sindicación
 

Intervencións no XX Aniversario PDF Imprimir Correo-e

 

Intervencións FPGPresentamos a continuación as principais intervencións, algunhas na súa versión íntegra e outras resumidas, realizadas no acto de conmemoración do vixésimo aniversario da Frente Popular Galega.

 

Intervención de Begoña Martínez
Hoxe celebramos aquí, en Aldán, concello de Cangas, en terras de pobo loitador, os vinte anos de andadura da Frente Popular Galega. Foi tamén en xullo, pero do ano 1988, cando tivo lugar a Asemblea Constituínte da Frente, que fora xa ela presentada en sociedade o Día da Clase Obreira Galega. É o noso un partido herdeiro directo das primeiras organizacións marxistas de práctica independentista en Galiza: a UPG histórica, o Partido Galego do Proletariado e o Partido Comunista de Liberación Nacional.
 
Moitas das mozas e dos mozos revolucionarios galegos inda non nacéramos ou eramos moi pequenos cando a FPG daba os seus primeiros pasos entre mobilizacións populares, detencións, torturas de camaradas, dinamizacións organizativas e loitas diarias continuas. Moitos non nacéramos cando a FPG empezaba pero somos hoxe conscientes da súa importancia histórica e da necesidade actual de proseguir co proceso de liberación nacional e social de Galiza.
 
Castelao, o compañeiro Daniel, o irmán Daniel, deixou escrito: “a realidade actual dá noxo; pero non podemos fuxir dela por escrupos inúteis, pois para modelar un pobo de barro é forzoso luxar as mans”. A Frente Popular Galega luxa as mans, leva vinte anos facéndoo sen repouso. Luxou as mans na defensa da terra e da nosa lingua. Luxou as mans en defensa do pobo traballador galego e dos pobos asoballados do mundo. Luxou as mans na campaña autodeterminista de 1990, no Prestige, na guerra de Iraq, nas protestas anti-LOU; e luxa hoxe as mans diariamente con Massó en Cangas, coa denuncia do lucro colonial que supoñen as enerxéticas na nosa terra, contra ENCE, REGANOSA, e contra o contrato homologado do sector leiteiro que asinou o Goberno galego.
 
Representa polo tanto a FPG o único partido que a día de hoxe, como hai vinte anos, continúa a defender os principios inspiradores do independentismo contemporáneo, principios que deron á luz a primeira UPG nos anos sesenta: a independencia nacional, o anticolonialismo, a defensa da terra, o antipatriarcado, a solidariedade internacionalista, a igualdade, a democracia popular... Os da mocidade revolucionaria galega recollemos a herdanza destes principios, e leváronnos eles a fundar, en outubro do 2004, a organización de mocidade revolucionaria ADIANTE. Na nosa Asemblea Constituínte asegurábamos que “o noso movemento ten que se sustentar non en ideas abstractas e moito menos en infantilismos esquerdistas senón en toda a experiencia, análise e historia acumulada en séculos de loita popular e anti-imperialista en Galiza e no mundo”. O partido comunista e independentista galego, a Frente Popular Galega, foi dende os comezos nosos un referente para nos guiar no camiño, e a finais do 2007 ámbalas dúas organizacións establecían un acordo de colaboración.
 
 
 
Intervención de Xurxo Martínez
Bo serán, amigos e amigas,
 
permitídeme que encete a intervención facendo uso dos versos dun poeta de noso, dun militante e compañeiro da FPG, que actúan a xeito de limiar neste diálogo convosco: “Paso a paso marchando, polos camiños da patria, levamos na memoria, as alegras palabras, que dicía Reboiras, cando entre nós andaba”.
 
Paso a paso, marchando, avanzando, progresando sempre cara o máis alá, cara a República Galega, que dixera ou non Manuel Antonio, eis a nosa meta. Paso a paso sen medos nin temores a un futuro polo que loitamos, para que sexa do pobo galego, o futuro que xa dixen, a República Galega, mais que estea enchoupado dos postulados axeitados á estrutura socioeconómica da nosa nación: o socialismo.
 
E imos cara o Máis Alá en continua dialéctica, en espiral símbolo do progreso, espiral símbolo da liberación nacional e social. E imos, repito, máis alá a peito descuberto porque só falando do que semella imposíbel na nosa sociedade podemos ser radicalmente revolucionarios. Avanzando, paso a paso.
 
Polos camiños da patria. Abofé, dende Arteixo até o Barco de Valdeorras, dende Cangas do Morrazo até Lugo, dende Muros até Vigo, dende Carnota até Ourense. Aló chegou a mensaxe da FPG e seguimos irradiándoa dende Ortegal ao Miño por aludir ao clásico mais tamén dende o Eo-Navia até As Portelas. Cremos na Galiza enteira, cremos na patria enteira, na patria do pobo galego que non no ciprianillo. E imos polos carreiros coa nosa mensaxe, esquivando as trabas e sobrepasando a criminalización dun proxecto frentepopulista e arredista. Criminalízanos porque temos unha mensaxe rebelde. O noso discurso non entra nos lindeiros constitucionais, isto é, nos lindeiros monárquicos do sistema capitalista.
 
Puido ou non callar o discurso na xente nos diferentes intres deste dous decenios pero si que se mantivo en pé, na batalla das ideas, a nosa ideoloxía. É un éxito. Que fomos recluídos, que somos uns pequerrechos, uns ninguéns, pode en comparación con (reparando na acertada metáfora de Jonhatan Swift) pero en calidade dos nosos militantes, dos nosos cadros sindicais e políticos, eu non diría o mesmo.
 
Porque levamos na memoria as alegres palabras que dicía Reboiras cando entre nós andaba... O noso capitán do pobo, o altivo camarada, tamén está presente para a nosa organización como mostra de traballo militante organizativo, expansivo, sindical e de compromiso firme até as últimas consecuencias.
 
Hai vinte anos que a FPG sacaba as súas siglas. Era un organización convulsa de complexas relacións internas que marcaron o seu percorrido inicial. O contexto condicionou de cheo a súa evolución, en ocasións traumático. E pingaron militantes desgastados, desilusionados, necesitados dun tempo para se reorientar politicamente. Recompúxose na medida en que se puido, esquivando as tentativas de marxinalización por parte de sectores alleos á estabilización do programa independentista. Foi moi duro, difícil mirar como o tratar de axeitarse a unha nova situación política non daba frutificado, fosen polas razóns que fosen, non se daba o chimpo social expansivo.
 
 
 
Intervención de X.L. Méndez Ferrín

Camaradas,


encontrámonos na parroquia de Aldán, no concello e antigo couto de Cangas, no Morrazo que na Idade Media lle diu á poesía galega a flor do poeta Xohan de Cangas de San Mamede ou Sanamedio do mar e no século XX e o que levamos de XXI o mellor exemplo ao mundo de resistencia popular contra un alcalde inmundo, resistencia coroada polo éxito e éxito que foi explotado correctamente por nosoutros. Síntome feliz de estar en Aldán, en Cangas, no Morrazo, a máis fermosa e combativa terra de Galicia, cabo do mar maior que nos educou a todos e a todos nos dixo e nos di cada nove ondas que rompen que non hai nada que non poda ser destruido e recomposto outra vez.

Fillos do mar e da rompente e da terra amante do Morrazo, os da FPG de Cangas foron capaces de ser o fío de aceiro que no interior da estacha da esquerda nacionalista galega converte esta en irrompible, indestrutible, imposible de ser anulada por ningunha forza adversa do mundo. Hoxe, esta carballeira é o eixo do ben da Galicia que non se vende, que non se resigna, que non se humilla, que non pacta co seu amo a continuidade da escravitude.

Moitas veces temos lembrado aquela frase célebre na que Castelao se definía a el mesmo como un nacionalista “inatacable aos ácidos e infusible ao soplete”. Con tal imaxe metalúrxica e proletaria podemos hoxe definir a alma de ferro da Frente Popular Galega: “inatacable aos ácidos e infusible ao soplete”. De raiz e orixe pequeno-burguesa, non teñamos medo de decer a verdade, a historia gloriosa do nacionalismo galego sofriu desviacións e colleu camiños tortos que o conduciron non á independencia senón a unha dependencia pactada co amo español. Aceptar o marco estatal desta autonomía supuxo o sometemento colonial a unha orde que nos negaba a autodeterminación e a independencia.

Pro tiñamos, pro nós temos no centro da nosa bandeira unha estrela vermella de cinco puntas. O falso nacionalismo que non purra pola autodeterminación e a independencia de Galicia eliminou xa esa estrela que é o corazón que bombea o sangue do noso movemento de liberación nacional. A FPG fai hoxe de tal símbolo, máis ca nunca, o centro das súas aspiracións. A saber: que todos os bens e recursos económicos e culturais da Patria sexan propiedade colectiva do pobo galego. Que todos os pobos e nacións do mundo han de se apropiar dos seus recursos económicos e culturais. Que o capitalismo e o imperialismo como forma última da opresión e da explotación do ser humano por outro ser humano (antes fora o escravismo e a servidume feudal) é un sistema ilícito e eticamente insostible. Que a clase obreira e os seus naturais aliados no seo do pobo é a chamada a ser a condutora da transformación do mundo nun lugar verdadeiramente humano. Eis o que a estrela vermella de cinco puntas representa para a FPG e para o proletariado do pobo galego: inscrita no centro, no mesmo centro, da nosa bandeira da Patria.

LER MÁIS...

 

Intervención de Mariano Abalo

Seguimos instalados na longa noite de pedra que nos evidenciaba Celso Emilio Ferreiro; pero aínda así, albíscase ou queremos albiscar un final do túnel que nos permita recuperar para a nosa Nación unha frente galega e de esquerdas hoxe pacticamente liquidada por intereses electoralistas, partidistas ou meramente particulares.

Temos que ser necesariamente autocríticos porque ao longo destes vinte anos non fomos capaces de artellar un movemento social que poidese facer cambiar o rumbo dunhas políticas oficiais pesebristas e de submisión, tanto ao réxime como ao sistema. Pero, como ben afirmaba o líder independentista africano Amílcar Cabral, a organización mellor estruturada e preparada pode fracasar polo poderío do inimigo; no noso caso non só por iso senón que -é preciso recoñecelo- por erros propios que agora máis que nunca temos opción e capacidade para corrixilos.

A nosa particular travesía do deserto non foi nin é inútil, a nosa práctica e a nosa mensaxe tarde ou cedo rematarán calando, sobre todo, nos sectores máis deprimidos e explotados. A precariedade, a siniestralidade laboral, as quendas de traballo de 10 e 12 horas, a ameaza das 65 horas da UE, a carestía de vida escandalosamente crecente, unha mocidade agobiada e frustrada por unha falla de presente e de futuro, ou a problemática da muller tratada de forma absolutamente escaparatista con medidas de pseudoigualdade que só percuran a súa integración no sistema para que no fondo non cambie nada… Todo isto configura un panorama que non se trata de describilo como catastrofista senón realista tanto como o é a fame que afecta a máis de mil millóns de persoas.

LER MÁIS... 

 
< Ant.   Seg. >

.:: Especiais
BURGA
V Asemblea Nacional

 

Moncho Reboiras, 35 aniversario do seu asasinato

 

Frente Popular Galega