|
 Realizados os comicios autonómicos do 1 de marzo de 2009, a falta de coñecerse os resultados da votación do censo da emigración, o Comité Executivo da FPG declara:
1. Que a nosa presenza nestes comicios foi significativa da existencia duns ideais de esquerda en clave galega. 2. Que a nosa participación, o noso esforzo militante e os votos conseguidos representan a nosa achega e poñémolos a disposición do pobo traballador galego e dunha proposta de reformulación da esquerda nacionalista, cuestión que vimos expresando de forma teimosa e continuada. 3. Recoñecendo as eivas de implantación, de organización e políticas do noso partido, non debemos obviar que este sistema e a propia lei establecen unha concorrencia electoral inxusta, impedíndosenos o acceso aos medios de comunicación como ás propias institucións con barreiras como a do 5% mínimo dos votantes para poder entrar no cómputo para a obtención dunha acta de deputado ou deputada. E tampouco podemos aquí permanecer calados ante unha Lei de Partidos que impide a milleiros de vascas e de vascos ter representación no seu Parlamento autonómico. 4. Por primeira vez, despois de ben anos que o vimos afirmando, no momento en que o BNG se confirma como opción de goberno fracasada, esta formación política entra en crise irresoluble. Por unha parte, a estrutura de dirección enrócase, botando as culpas, fundamentalmente, a axentes externos: ao propio socio de goberno (PSOE), a certos medios de comunicación, cando non á propia campaña do PP, mentres outros colectivos do BNG reclaman medidas contundentes e inmediatas (dimisión da executiva e dos dirixentes responsábeis). 5. No nacionalismo ábrese un período de reflexión como movemento sociopolítico amplo e plural que abrangue moito máis que o BNG. Debemos pasar decidida e respectuosamente á ofensiva respaldando todos os movementos orientados a reformular o proxecto frontista e unitario do nacionalismo -da esquerda social en particular-, recuperando as canles de comunicación cos movementos sociais, dotando ao pobo da democracia participativa e directa, como vía necesaria para afrontar os problemas reais: a crise económica, a ofensiva centralista contra a cultura galega e o ascenso do neo-franquismo. 6. Ben faremos, de inmediato, as forzas políticas representadas en gobernos municipais de progreso en tomar nota e reconducir pactos e repartos de competencias, no sentido de cohesionar, no canto de provocar fendas e desacordos que facilitan o asalto das dereitas aos concellos dos que tanto esforzo e sacrificio custou botalos. Esta é unha das leccións que debemos aprender dos resultados destes comicios. Comité Executivo da FPG Galicia, a 6 de marzo de 2009. |