Inicio
Menú Principal
Inicio
Sobre a FPG
Documentos
Nacional
Internacional
Colaboracións
Descargas
Multimedia
Ligazóns
Contacto
Procurar
Lista de correo

Recibe as novidades da web da FPG no teu enderezo de correo electrónico






escudo_gz.jpg
Sindicación
 

MANIFESTO Iniciativa Internacionalista PDF Imprimir Correo-e
 
Estamos asistindo á maior crise do capitalismo dos últimos oitenta anos, e de novo os gobernos da Unión Europea queren que paguen as súas consecuencias os traballadores e os sectores populares. En toda Europa, os despedimentos, os expedientes de regulación de emprego e a non renovación de contratos convértense diariamente no drama de millóns de persoas condenadas ao desemprego, o desafiuzamento e a miseria.
 
Os gobernos europeos expolian o erario público para rescatar aos banqueiros e axudar ás grandes empresas, mentres o desemprego medra sen cesar. É a Europa das privatizacións, do Plan Boloña para mercantilizar o ensino superior, da Directiva Bolkenstein ou da Directiva do Retorno contra os traballadores inmigrantes, que alenta a xenofobia e o racismo.
 
A crise actual, como non podía ser doutro xeito, ademais das súas consecuencias económicas e sociais, está dando lugar a importantes transformacións políticas, que se verán intensificadas nun futuro próximo.
 
No caso do Estado español, a crise, a global e a propia, están contribuíndo a deixar definitivamente ao descuberto as carencias do Goberno de Rodríguez Zapatero e do réxime borbónico xurdido do chamado proceso de “transición”: corrupción xeralizada, uso da represión legal ou ilegal como forma recorrente de afrontar os conflitos sociais e políticos cos sectores populares, precariedade dos servizos sociais, colapso dos sistemas educativos...
 
Moi especialmente, afloran as gravísimas carencias democráticas dun réxime no que o seu Xefe de Estado, Juan Carlos I, foi imposto por Franco, réxime que, en consonancia con esta situación aberrante, é incapaz de elaborar unha lei da memoria histórica que recoñeza a realidade da resistencia antifascista dos nosos pobos.
 
Existe unha corrente involucionista, neofascista, impulsada por sectores poderosos do capitalismo español e o seu armazón institucional e mediático, que ten dúas facianas: a "moderna", a expresión máis significativa da cal é a UpyD, e a ''tradicional'', cuxa punta de lanza é a Conferencia Episcopal Española. Dita corrente involucionista, coas súas diversas expresións, é a que neste momento está orientando a estratexia de fondo do bloque dominante español, incluído o Goberno do Estado. Unha estratexia que se materializa, entre outras cousas, na alianza PP-PSOE para conseguir o goberno vascongado cun obxectivo claro: a españolización dese territorio.
 
A outra banda estamos as forzas soberanistas e independentistas de esquerdas, as forzas políticas da esquerda estatal respectuosas cos dereitos nacionais dos diversos pobos oprimidos polo Estado español, así como importantes movementos sociais e sindicais, entre os que destacan o movemento antifascista; o movemento contra a privatización da sanidade, a educación e os servizos públicos; as loitas obreiras contra os EREs e despedimentos; a loita dos estudantes contra o Plan Boloña; os movementos de mulleres... Á súa vez, algúns destes movementos sociais teñen unha importante articulación nacional-popular, especialmente nos pobos onde o proceso político soberanista está máis avanzado.
 
Consideramos que existe a suficiente capacidade como para orientar nun sentido anticapitalista e democrático ese desexo cada vez máis estendido de cambio radical, aínda que neste momento a devandita capacidade teña un desenvolvemento desigual nas nosas respectivas nacións.
 
Partindo desta valoración, impulsamos este manifesto, cuxos eixos básicos son:
 
  • Xustiza social. Que a crise a paguen os que a provocaron: os capitalistas. O capitalismo español ten uns trazos especialmente agresivos, como a tremenda precariedade laboral, causa da maior taxa de paro e de emprego eventual da UE. E agora a pretensión do sistema é dar un paso adiante máis no relativo á explotación e aos recortes sociais. As xentes que apoiamos este manifesto comprometémonos a impulsar a mobilización para frear tales propósitos, esixindo un plan de rescate dos traballadores, sen temor a propor para iso medidas anticapitalistas.
 
  • Liberdades democráticas plenas. Estamos comprobando como, devagar, vanse recortado os xa de seu limitados dereitos civís existentes, tales como o dereito á non discriminación por razóns ideolóxicas, de lingua e cultura, de idade ou de xénero. O dereito á libre expresión, o dereito a non ser represaliado, torturado ou procesado polas propias ideas. O dereito a votar e ser votado. O Estado español non respecta a soberanía das diversas nacións baixo a súa xurisdición nin do conxunto dos pobos. Existe un armazón xurídico- político creado na transición que converteu ao Estado nun cárcere de pobos e de xentes, así como nun pozo de corrupción.
 
  • Non á discriminación de xénero. Pero non como un mero enunciado formal e baleiro de contido, senón como unha esixencia normativa, xurídica e práctica que posibilite realmente o fin da discriminación. O cal inclúe, entre outras cousas, o dereito e a posibilidade real de control das mulleres sobre o seu corpo, a súa sexualidade e a súa capacidade reprodutiva.
 
  • Dereitos políticos. Reivindicamos os dereitos negados polo réxime actual, entre os que hai que destacar o dereito de todos os pobos a decidir de forma soberana o seu futuro, e non como un feito illado senón como un dereito permanente, é dicir o dereito de autodeterminación. O dereito de cada pobo a decidir a súa forma de goberno e á normalización da súa lingua e a súa cultura nacionais.
 
  • Contra a Europa do capital. Estamos en contra da Europa do capital e a favor da Europa dos pobos. Estamos en contra da OTAN como expresión militar do imperialismo e, xa que logo, esiximos a retirada do Estado español de devandita alianza militar. Estamos en contra da especulación e a deterioración do medio ambiente. Estamos pola defensa da soberanía alimentaria e do colectivo fronte ao privado.
 
Apoiamos os procesos soberanistas que se dan a nivel europeo, e así mesmo expresamos a nosa solidariedade cos procesos de articulación patrióticos, antiimperialistas e de xustiza social que teñen lugar en Latinoámerica, así como coas frentes de resistencia en Oriente Medio, e moi especialmente coa heroica loita do pobo Palestino. Desde unha fervente vocación internacionalista, apoiamos as loitas de todos os pobos do mundo pola súa liberdade e a súa dignidade.
 
 
Comisión promotora da candidatura ao Parlamento Europeo ''Iniciativa Internacionalista''
15 de abril de 2009
 
< Ant.

.:: Especiais
BURGA
V Asemblea Nacional

 

Moncho Reboiras, 35 aniversario do seu asasinato

 

Frente Popular Galega