|
Despois de coñecer a sentenza emitida polo Tribunal Constitucional español a respecto do Estatut de Catalunya, as organizacións independentistas Espaço Irmandinho (EI), Movemento pola Base (MpB) e Frente Popular Galega (FPG) queremos transmitir ao pobo galego as seguintes consideracións: 1º Con este auto do TC, o Estado Español volve dar, unha vez máis, mostra da súa natureza antidemocrática: unha norma legal desenvolvida no seo da arquitectura xurídica española, aprobada polo 90% do Parlament catalán, polo parlamento español e refrendada polo pobo catalán, é mutilada por un tribunal creado a propósito para a defensa do “espírito constitucional”, é dicir, neste caso, da defensa da “indisoluble unidad de la nación española”, sacralizada e recollida no artigo 2º dunha Constitución española, que o propio Franco deixou ben atada na persoa do Borbón, e á que o noso pobo virou as costas masivamente en 1978.
2º Afirmamos que esta sentenza confirma o nulo percorrido da estratexia autonomista como "vía progresiva" cara a Soberanía Nacional. As reivindicacións das nacións sen Estado tocaron teito dentro do marco constitucional español. Debemos insistir, polo tanto, en que o recoñecemento nacional de Galiza e dos dereitos nacionais que nos corresponden como nación, entre eles o de Autodeterminación, fican totalmente negados unha vez máis polo Reino de España. A idea do avanzar cara un Estado plurinacional que puidese, hipoteticamente, recoñecer en igualdade de condicións a identidade, a liberdade e os dereitos deste país, Galiza, amósase unha vez máis como unha quimera inxenua ou como unha arma contra a loita de liberación nacional. 3º Reafirmamos a vía independentista como única alternativa posíbel para conquistar un futuro de Soberanía Nacional para Galiza. Neste sentido, queremos chamar a atención dos galegos e galegas sobre o balance abertamente negativo que facemos destes 32 anos de autonomía en España: xeneralización da precariedade laboral, redución do número de falantes de Galego, deterioro ambiental e territorial, expolio dos recursos nacionais, disolución crecente dos lazos comunitarios, etc. Como xa anunciaramos o nacionalismo popular na Transición, o réxime autonómico é inútil para solucionar as principais problemáticas socio - económicas, ambientais e políticas da nosa Terra. 4º Por isto, desde unha posición democrática, patriótica, soberanista e de esquerdas, debemos deixar claro que non imos asumir o rol colonialista que pretenden reinstaurar políticos e caciques de novo cuño, como certos sectores maioritarios no autonomismo autóctono, que pretenden vender o País a unha determinada burguesía que tan só é correa de transmisión do grande capital e, por tanto, tan reaccionaria no social como no nacional. 5º Facemos un chamamento á totalidade do nacionalismo galego e ás clases populares para enfrontarnos á futura reforma estatutaria “perfectamente constitucional” que PP e PSOE iniciarán en breve e que, probabelmente, contará co concurso da dirección do autonomismo. Facemos un chamamento, pois, a todas as traballadoras e traballadores, aos e ás patriotas galegas e ao conxunto das e dos demócratas deste país para rexeitar o marco autonómico e para apostar na ruptura co marco xurídico – político imposto polo fascismo español, como única posibilidade para construír un futuro de auténtica democracia e soberanía neste país. 6º Damos, por último, o noso apoio aos compañeiros e compañeiras catalás que neste vindeiro fin de semana se manifestarán a prol da súa nación e do dereito inalienábel a decidiren o seu presente e futuro sen inxerencias e en liberdade. Viva Galiza Ceibe e Socialista! Estatutos non, autodeterminación! A Independencia é o único camiño! |