Ideario municipal da candidatura da FPG ao Concello de Vigo

Frente Popular GalegaPresenta a FPG (Frente Popular Galega) a súa candidatura ao concello de Vigo por un imperativo político e moral, froito da decisión maioritaria do seu colectivo de militantes.

Ofrece a FPG á veciñanza de Vigo un programa de intervención municipal coa intención de responder aos intereses da maioría traballadora que ocupa a cidade e as súas parroquias.

A FPG pregúntase cales son os grandes problemas que atinxen á cidade e ofrece solucións e alternativas aos mesmos. Nós consideramos os seguintes como principais.

1. O PXOM.

Propugna a FPG un planeamento en función dos intereses xerais, non particulares; e posiciónase contra a especulación e a corrupción.

A Frente Popular Galega REXEITA ESTE PLAN XERAL por especulativo, por non responder ás necesidades do pobo de Vigo, polas dúbidas que sementou ao seu redor, por tentar legalizar o ilegal para tapar así construcións que se verían abocadas ao derrube por non se axeitar á lei vixente, por destruír o noso medio rural (riqueza en perigo de extinción)... Non asume a FPG os criterios nin os argumentos que consiguen unir a patronal, asociacións veciñais e sindicatos, uns sindicatos acríticos, entregados a valores de moi dubidoso interese xeral. A teimosía da coalición urbanística PP-BNG nunha proposta amplamente discutida por numerosos e distintos sectores provocou a actual situación de crispación política e de incerteza.

De maneira que RECLAMA a FPG a suspensión da tramitación do PXOM e a abertura dun novo debate sobre o modelo de cidade que queremos. É preferible unha nova demora na aprobación do Plan que os danos irreparables que a actual proposta traería consigo.

Ante os numerosos casos de irregularidades na concesión de licenzas municipais e ante as continuas sentenzas xudiciais que ordenan derrubes de edificacións que logo non se executan por inviabilidade económica do Concello, PROPÓN a FPG que se esixan responsabilidades aos concelleiros e concelleiras e ao persoal técnico que de forma neglixente informasen e/ou concedesen licencias ilegais.

2. A VIVENDA.

A especulación e a permanente alza do prezo dos pisos converten a vida da maioría das persoas nunha hipoteca case indefinida. O aluguer, as condicións das vivendas e o deterioramento destas son problemas de primeira orde, nomeadamente no caso da mocidade.

RECLAMA a FPG o avance decidido nos plans de rehabilitación do Casco Vello e a súa ocupación plena como zona residencial, a partir das necesarias reformas nos edificios de propiedade municipal (uns 8.000 metros cadrados, segundo informacións) como na concesión de axudas aos propietarios dos inmobles, e a PROMOCIÓN DE VIVENDAS (Convenios Xunta-Concello) DE PROTECCIÓN SOCIAL, en réxime de aluguer a prezos referenciados cos salarios, ou sexa en base a unha porcentaxe dos mesmos.

Proponse a creación dun ente público para a xestión do aluguer dos pisos baleiros como sistema de abaratamento do prezo da vivenda e para quitar a razón a aqueles que pretenden un crecemento desmedido da edificación.

FACILITARASE A INFRAESTRUTURA NECESARIA PARA A CONVIVENCIA DA XENTE NOVA: Cesión de edificios municipais para a organización da mocidade e para o desenvolvemento de actividades culturais como para a divertimento.

O Concello procederá á CESIÓN DE SOLO URBANIZABLE para facilitar os convenios entre institucións para a citada promoción da vivenda pública.

3. POLÍTICA DA AUGA. A RÍA DE VIGO: recheos, depuradora. DEFENSA DO MEDIO AMBIENTE. A ENERXÍA.

Recuperación da xestión pública dos servizos de abastecemento e saneamento das augas. Planificación nacional destes servizos e xestión pública na perspectiva comarcal e da área metropolitana.

NON ADMITE A FPG nin un centímetro cadrado máis de recheo na Ría. Non máis ocupación da lámina de auga do mar de Vigo. Expulsión das áreas portuarias de Bouzas e do Berbés de empresas non relacionadas directamente co uso portuario.

Recuperación do litoral Teis-Guía, así como do parque d´A Guía.

SANEAMENTO TOTAL da Ría. Oposición a unha Macro-depuradora que concentre todo o tratamento das augas residuais e que condene á morte a unha importante zona húmida como é a xunqueira do Lagares e ao desprazamento vital do vecindario de Coruxo. Estamos pola construción de pequenas depuradoras, que non teñen por que estar situadas na beiramar nin á beira dos ríos; como tampouco deberan desaugar directamente no mar, pois enténdese que a auga que emitan será auga "depurada", ou sexa, válida para o regadío ou para outros usos non domésticos.

Separación das augas pluviais das augas fecais.

"Non queremos Medio Ambiente, querémolo enteiro", como se di nas pancartas. Atención prioritaria ás emisións tóxicas e de CO2; restrición do tránsito de vehículos a motor polo centro de Vigo, mellora e abaratamento do transporte público.

4. DEMOCRATIZACIÓN DA VIDA MUNICIPAL.

Os homes e mulleres de Vigo non teñen poder algún nas tomas de decisións de especial relevancia. Non se pode intervir directamente na política pois cédense os dereitos das persoas a concelleiros e concelleiras aínda que despois poidan desilusionar. A cidadanía non ten en realidade ningunha capacidade decisoria no concello e ten que delegar un poder enorme nunha agrupación política. A maioría das asociación veciñais son reféns do Concello que as mantén e que mantén as súas sedes sociais.

CONSIDERAMOS NECESARIA a elaboración dun REGULAMENTO DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ no que se establezan sistemas onde tal participación non se vexa sometida ao filtro das AAVV. Propoñemos a creación de Consellos Parroquiais e de Barrio, coas súas Asembleas respectivas, na perspectiva da reivindicación e esixencia ante a Xunta de Galicia do recoñecemento xurídico e administrativo destes entes tradicionais e plenamente vixentes de asentamento da poboación rural e urbana.

ATENCIÓN ESPECIAL Á PARTICIPACIÓN DA MOCIDADE NA ELABORACIÓN DE POLÍTICAS ORIENTADAS A FACILITAR A VIDA DA XENTE NOVA NO SEU MÁIS AMPLO SENTIDO. O goberno municipal debe contemplar na súa propia estrutura unha área especial de atención á mocidade.

5. ÁREA METROPOLITANA E EURO-REXIÓN GALICIA-NORTE DE PORTUGAL.

A ordenación do territorio, o estudo das infraestruturas de comunicación e de transporte, os servizos públicos, deberán ser planificados para demarcacións territoriais máis amplas que o concello. O desenvolvemento socio-económico, as tendencias de crecemento industrial e comercial obrigan a un tratamento estratéxico desde a área Metropolitana de Vigo (que a FPG concibe orientada ao sur, até o río Miño; mentres o Morrazo constitúe outra área diferente, aínda en relación íntima con esta) e desde o ámbito da Euro-rexión galicia-Norte de Portugal, onde Vigo e Porto aparecen significados como os dous polos de maior transcendencia.

Desde esta perspectiva é desde a que se deben formular as necesidades. Faise prioritaria a comunicación en malla ou en rede dentro de Galicia (Vigo-Lugo, por exemplo) e coas cidades do Eixe Atlántico. As necesidades en materia de ferrocarril deben contemplar o transporte de viaxeiros e o de mercadorías.

6. DA LINGUA GALEGA E DA CULTURA.

Aplicación efectiva da Ordenanza Municipal de Normalización Lingüística. Aprobación definitiva do Plano de Normalización Lingüística.

Debe a xente considerar no seu exercicio do dereito a voto a reclamación de que as persoas membro do goberno municipal deben dar exemplo permanente de instalación e atención á galeguización en todos os aspectos da vida: nos discursos, nas intervencións plenarias, nas declaracións á prensa, nos eventos culturais e deportivos de masas, etc.

DEBE SER O GALEGO VEHÍCULO PERMANENTE DE COMUNICACIÓN NA ACTIVIDADE MUNICIPAL.

Creación e dotación de bibliotecas en todas as parroquias. Locales e infraestruturas de titularidade e financiamento municipal para o desenvolvemento da arte e da cultura nas súas distintas manifestacións, con especial apoio á mocidade e á terceira idade.

Atención e coidado do Arquivo e da Hemeroteca municipais, actualmente ubicada nunha dependencia do garaxe do Concello e absolutamente desatendida. Nova ubicación, permitindo o acceso regulado dos cidadáns e debidamente atendida por profesionais.

Atención e defensa do patrimonio histórico. Catalogación e musealización dos achádegos.

7. ENSINO.

Preocupa na FPG o deterioro do ensino: a escaseza de centros públicos de educación infantil, de primaria e de secundaria no centro da cidade deben suscitar unha particular atención do goberno municipal prevendo a cesión de terreos necesaria para a construción de novos centros. Deberá o goberno municipal PRIORIZAR O COIDADO DOS CENTROS PÚBLICOS, como deberá facilitar a vida familiar cun eficaz e puntual transporte escolar e coa organización de bos comedores escolares a prezos económicos.

Deberase buscar o establecemento dunha íntima relación entre a cidade e os centros de ensino, que sexan continuación os uns dos outros e que as horas de utilización das instalacións culturais e deportivas deben ser as necesarias para a mellora no desenvolvemento físico e saudable dos rapaces e das rapazas.

8. SANIDADE E SAÚDE.

A preocupación pola saúde da poboación debe atravesar todos os eidos da política municipal: no abastecemento de auga e no saneamento; na situación sanitaria dos locais públicos; no control dos alimentos que se atopan nos andeis das tendas e dos hipermercados; na vixilancia permanente sobre a contaminación; ...

Dotación de espazos e terreo público para a construción dos centros sanitarios públicos necesarios.

Estado de atención e reivindicación constante de política de saúde para toda a poboación, contemplada de xeito universal.

9. DEPORTE.

Apoio prioritario ao deporte base e non profesional, nomeadamente nos centros de ensino. Atención ao desenvolvemento das agrupacións, clubes e asociacións deportivas así como á dotación de infraestruturas para uso xeral. Promoción do deporte autóctono e tradicional.

10. COMUNICACIÓN. TIC´s.

Dotación necesaria para medios de comunicación de titularidade municipal (periódico, emisora de radio, canle de televisión).

Deseño e elaboración dunha eficaz Web municipal: para información xeral e para axilizar os trámites administrativos.

Atención preferente ao desenvolvemento das Tecnoloxías da Información e Comunicación. Extensión progresiva das mesmas a todos os ámbitos e sectores cidadáns. Dotación municipal de servizos informáticos de uso público con acceso gratuíto a internet. Priorización e xeralización do software libre, non propietario, e dos estándares abertos.

11. DA ECONOMÍA, DO BENESTAR SOCIAL.

CRÍTICA DO FINANCIAMENTO MUNICIPAL. O raquitismo e o populismo no autofinanciamento dos concellos propicia o exercicio do poder clientelar das Deputacións e o caciquismo, vía política de subvención. A FPG reclama unha maior autonomía municipal e considera imprescindible a liquidación dos feudos provinciais, aínda que iso requira un maior esforzo impositivo dos cidadáns, pero, sobre todo, quen deben tributar de xeito especial son as entidades financeiras, as grandes industrias e os hipermercados.

PROMOCIÓN INDUSTRIAL E POLÍTICA DE EMPREGO. Vixilancia ante a DESLOCALIZACIÓN INDUSTRIAL: establecemento de cláusulas de penalización no caso de deslocalización de empresas. Devolución de subvencións no caso de liquidación de actividades produtivas.

Dotación de solo industrial suficiente para a instalación de empresas.

Fomento do emprego para persoas de orixe autóctona ou inmigrante, sen diferenza de ningún tipo. Políticas tendentes a que o saldo migratorio sexa favorable a Galicia; aplicación de políticas que impidan a nova emigración de galegos e de galegas no noso tempo.

12. LAICISMO. ANTIFASCISMO. PRINCIPIOS REPUBLICANOS.

Esixe a FPG un comportamento LAICO dos representantes municipais e do Conceñllo como institución. ELIMINACIÓN inmediata de toda a simboloxía fascista e aplicación dunha política de permanente recuperación da memoria histórica.

Orientarán á FPG no desenvolvemento da súa política municipal os principios republicanos de igualdade, de liberdade e de irmandade. apoiaremos desde o Concello todo movemento popular que defenda os dereitos das traballadoras e dos traballadores, desde as fábricas, os barrios, etc.

Defensa dos dereitos da muller e de todos os cidadáns e cidadás con independencia da súa orientación sexual. Queremos un Vigo solidario: entre os seus habitantes, naturais e inmigrantes, como cara a fóra, coa posta en práctica de políticas directas de cooperación e co apoio a organismos de axuda ao desenvolvemento.

13. POR UNHA GALICIA LIBERADA.

Reclamará a FPG no Concello unha política de apoio e impulso ao proceso de emancipación nacional de Galicia; posicionándose sempre a favor de medidas que conduzan a unha progresiva asunción de competencias das institucións galegas, buscando a súa radical transformación en institucións soberanas, capaces de aplicar un día as medidas imprescindibles para rachar coa situación de economía dependente que a nación galega arrastra secularmente.